Saturday 27 de April de 2024

O Auditorio municipal acollerá este sábado a conferencia “O poder oculto: mulleres e alta capacidade”


A concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, presentou esta mañá con Estela Brañas e Begoña Ramos, vicepresidenta e secretaria da asociación Áurega, a conferencia “O poder oculto: mulleres e alta capacidade” organizada polo Concello en colaboración coa asociación Áurega (Asociación de Familias de nenos/as con altas capacidades, talentos e inquedanzas intelectuais). A convocatoria desenvolverase este sábado, día 9, de 17.00 a 19.00 horas no Auditorio municipal. A entrada é de balde ata completar a capacidade das instalacións.

Na conferencia participarán como relatores Félix Ruiz Mahamud e José Luis Pérez, psicólogos clínicos, fundadores do Centro Ayalga e autores do libro “A mi no me parece”.
Dende o Concello e a entidade animaron á veciñanza a acudir a esta convocatoria, coa que se retoman este tipo de actividades trala tempada estival. A concelleira de Ensino destacou o labor da asociación e a súa aposta por convocar na cidade este tipo de iniciativas, ás que acoden veciñas e veciños de Narón pero tamén chegados doutros concellos da comarca e mesmo doutros puntos da comunidade.

As persoas que desexen realizar algunha consulta ao respecto poden dirixirse ao correo electrónico: auregaasociacion@gmail.com.